Friday 03 de May de 2024

A Zona Azul gratuíta chega para garantir a rotación dos aparcamentos nas vías que vertebran a vida social, comercial e educativa do municipio


 A Avenida Eduardo Pondal e a Rúa Río Anllóns contarán con este espazo reservado a estacionamentos de 90 minutos en horario de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres

 O pleno municipal aprobou onte a modificación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico para incluír a introdución do estacionamento con horario limitado

A Zona Azul gratuíta chega ao Concello de Ponteceso como medida para garantir a rotación dos aparcamentos nas vías que vertebral a vida social, comercial e educativa do municipio. O pleno municipal aprobou inicialmente onte a modificación da Ordenanza Xeral Municipal sobre tráfico para incluír a introdución, nunha nova sección, do estacionamento con horario limitado e as súas normas, cos votos a favor de Partido Popular e Partido Galego, as abstencións de AxP, BNG e APIN e os votos en contra do PSOE.

Esta modificación da Ordenanza cristalizará no establecemento de zona azul na marxe dereita dirección A Coruña da Avenida de Eduardo Pondal, desde o número 2 ate o 64 e tamén na Rúa Río Anllóns, na marxe dereita dirección Anllóns, comezando no número 4 ata o 46. O horario de limitación comprenderá de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres, salvo os días festivos.

Ademais, o tempo de aparcamento estará limitado a 90 minutos, a contar desde a hora sinalada no indicador de hora de chegada. Este disco de control horario ou elemento que o substitúa debe estar visible no vehículo. De feito, non facelo é unha infracción que carrexa multa de 80 euros, ao igual que exceder o tempo máximo, marcar no indicar de hora de chegada un horario que non se axuste á realidade ou non retirar o vehículo a lo menos 250 metros con respecto ao lugar unha vez se modifique o horario no indicador. A contía elixida é similar ás doutros concellos da contorna, como Carballo e Laracha, que xa empregan este sistema de aparcadoiro con Zona Azul.

Deste xeito, unha vez se aprobe esta modificación definitivamente, o Concello instalará o novo perímetro de Zona Azul, que contará con sinalización tanto vertical -ao comezo e ao final da Zona Azul- como horizontal, con liñas azuis descontinuas.
“Despois de poñer en marcha unha Ordenanza de Vaos e Reservas de Espazo do dominio público hai unhas semanas, continuamos apostando por regular do mellor xeito posible o tráfico coa introdución da Zona Azul. Unha Zona Azul que será gratuíta. Porque o obxectivo non é recadar diñeiro con ela, senón xerar unha alta rotación que para compatibilizar o estacionamento en viario dos residentes coa mobilidades dos visitantes”, apunta o alcalde do Concello de Ponteceso, José Manuel Mato.

Para Mato, trátase dun xeito de “conseguir un uso máis racional e equitativo que permitirá optimizar o espazo público” e que chega despois de desenvolver a citada normativa de Vaos e tamén a prohibición de desenvolver tarefas de carga e descarga “para priorizar o descanso dos veciños”.

Compromiso de disuasorios

Unha vez aprobada esta modificación, o equipo de goberno ten o compromiso de non executar a zona azul só unha vez estean dispoñibles os aparcadoiros disuasorios cos que se recuperarán e mesmo aumentarán as preto de 110 prazas de libre uso -entre a Avenida Eduardo Pondal e a Rúa Río Anllóns- que pasarán a adquirir carácter rotatorio. “Non é un capricho. É unha decisión moi pensada e que fará moito ben ao municipio, porque todos saben que leva anos sendo unha demanda por parte dos comerciantes”, apuntou o rexedor.